Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Actividades

26-04-10 |

Acuinuga na Feira Internacional de Acuicultura Acui 2010

Como en anteriores ocasións, Acuinuga estivo presente na edición 2010 da Feira Internacional de Acuicultura celebrada durante o mes de Marzo no recinto feiral  FEXDEGA de Vilagarcía de Arousa. Trátase da feira de referencia no sector da Acuicultura na península ibérica, que tendo lugar no corazón da industria acuícola galega convértese nunha excelente oportunidade para saudar persoalmente a clientes e colegas, e para presentar os derradeiros avances nos diferentes eidos nos que desenvolvemos a nosa actividade. Nos nosos stands 1 e 2 tivemos a oportunidade de presentar dous adiantos relevantes, a nova liña de dietas Acuisol® para a alimentación de linguado (Solea spp.) e un prototipo do sistema BFH (Bandexas de Fluxo Horizontal) para a estabulación intensiva de especies acuáticas.

Acuisol® é unha dieta técnica formulada en base á singular capacidade de asimilación de proteína vexetal característica do linguado.  Incorporando preferentemente ingredientes de orixe local, a nova liña Acuisol® contén elevados níveis de proteína, así como reducidos níveis de graxa. Esta composición, en combinación con atraíntes e texturizantes naturáis especialmente desenvolvidos para solénidos, favorece a inxesta do alimento  e resulta en excelentes níveis de medra aínda en condicións subóptimas de cultivo. En termos das súas características físicas, trátase  dunha dieta semiflotante cunha gran hidroestabilidade, o que facilita a retirada de sólidos do medio e contribúe o mantemento  da calidade da auga.

O prototipo do sistema BFH, que traballamos en colaboración coa empresa INCAPLAS, permite a estabulación intensiva de peixes, crustáceos ou moluscos, logrando o aproveitamento vertical do espazo de cultivo e favorecendo por tanto a súa rendabilidade. A utilización de novos materiáis permite a observación inmediata do cultivo, integrando un sistema de recirculación da auga cunha configuración flexible e adaptable ós diferentes obxectivos de produción.

A presenza de Acuinuga na Feira Internacional Acui 2010 completóuse coa participación do Director da División de Acuicultura, Dr. Luis Pérez Carrasco nas xornadas técnicas coa presentación "Novas oportunidades de negocio en Acuicultura". Agradecemos sinceramente o interese de todos os visitantes que compartiron a nosa presenza na Feira, e esperamos ter a oportunidade de reencontrarmos en futuros certámenes.