Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

I+D

03-11-08 |

Novas tecnoloxías para a estabulación e transporte de crustáceos en vivo

 

Acuinuga participa neste proxecto no marco do programa de cooperación tecnolóxica AquaReg/Interreg, entre as rexións de Galicia, Border, Midland and Western (BMW) en Irlanda e Trøndelag en Noruega. O obxectivo xeral de AquaReg é proporcionar oportunidades e deseñar estratexias que contribúan ao desenvolvemento sustentable das comunidades costeiras das rexións participantes, a través da cooperación interrexional nas áreas de pesca e acuicultura.

Trátase dun proxecto de investigación aplicada para desenvolver novos protocolos para o transporte e almacenamento de crustáceos vivos en toda a cadea de valor, desde o produtor ata o mercado, e contribuír ao intercambio de coñecementos sobre os métodos de recolección, protocolos de manipulación, almacenamento, transporte e procesado que se levan a cabo nas tres rexións.

As principais especies estudadas neste proxecto son o boi de mar (Cancer pagurus), centola (Maja squinado), nécora (Liocarcinus púber), bogavante (Homarus gammarus), lagosta (Palinurus spp.), cigala (Nephrops norvegicus) e outras especies de crustáceos de interese comercial.

As boas prácticas de manexo, a eliminación do nicking ou restrición das pinzas, a redución da mortaldade durante o transporte, o aumento da calidade do produto final e a ampliación das oportunidades de comercialización son os obxectivos desta acción coordinada de investigación.

A División de Acuicultura de Acuinuga contribúe co desenvolvementoo tecnolóxico do tratamento da auga durante a estabulación e o transporte en vivo, para o que se deseñaron colectores isotermos cun sistema autónomo de recirculación capaz de optimizar os parámetros de calidade de auga ata durante 72 horas despois da carga.