Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

16-01-09 |

Nova liña de dietas para linguado

 

Como resultado dos últimos avances no coñecemento sobre os requisitos nutricionais de Solea spp., a nosa División de Nutrición introduce no mercado a nova liña de dietas para linguado Acuisol®.

Trátase dunha dieta técnica formulada con base na singular capacidade de asimilación de proteína vexetal característica deste grupo de especies. Incorporando preferentemente ingredientes de orixe local, a nova liña Acuisol® contén elevados niveis de proteína (54% en materia seca), así como reducidos niveis de graxa (8% en materia seca). Esta composición, en combinación con atraentes e texturizantes naturais, especialmente desenvolvidos para solénidos, favorece a inxestión de alimento  e resulta en óptimos niveis de crecemento incluso en condicións subóptimas de cultivo.

A fórmula de Acuisol® inclúe, ademais, dous elementos diferenciadores con respecto a outras dietas xa presentes no mercado. A inclusión de microalgas na súa composición favorece a pigmentación natural dos animais e estimula a súa inmunocompetencia, protexéndoos de enfermidades e deficiencias nutricionais que puideran afectar á vitalidade do cultivo.

Acuisol® incorpora, ademais, correctores activos da calidade da auga capaces de neutralizar toxinas e mellorar o medio de cultivo, incluso a altas densidades de estabulación, de grande importancia especialmente durante as fases de preengorde e engorde.

Con esta nova liña reforzamos a nosa carteira integral de produtos para a acuicultura, desenvolvidos en estreita colaboración cos nosos clientes, aos que procuramos ofrecer solucións efectivas neste fascinante ámbito da produción animal.