Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

07-03-12 |

Novas evidencias científicas da importancia do consumo de peixe

 

Un recente proxecto de investigación indica que o consumo de peixe e outros alimentos ricos en ácidos graxos omega-3 podería axudar a manter un cerebro san e evitar enfermidades cardiovasculares asociadas ao envellecemento. Neste estudo participaron 1.575 pacientes cunha idade promedio de 67 anos sen antecedentes de demencia, unha condición polo xeral asociada á pérdida de memoria. O estudo aparece no número de Febreiro da revista Neurology.

O autor principal deste traballo é o doctor Zaldy Tan, investigador da Universidade de California en Los Ángeles (UCLA). A conclusión máis relevante deste traballo foi que os participantes con baixos níveis de omega-3 en sangue tiñan un cerebro lixeiramente máis pequeno, e  obtiveron calificacións inferiores en tests de memoria, que aqueles con níveis mais altos de omega-3 en sangue. Estas diferencias mantivéronse mesmo despois de ter en consideración unha serie de variables tales como idade, sexo, educación, índice de masa corporal, tabaquismo e o xenotipo para a apolipoproteína APOE.

Varios estudos xa tiñan amosado que as dietas que inclúen peixe, tales como a dieta mediterránea, reducen a incidencia de problemas cardiovasculares. Algúns suxiren  así mesmo que a inxesta regular de peixes graxos como o salmón e o atún pode reducir o risco de enfermidade de Alzheimer e outras causas de demencia.

Con todo, existe controversia sobre a relación entre os hábitos alimentarios e a prevalencia da enfermidade de Alzheimer. Unha razón para esta discrepancia pode derivar de que a maioría dos estudos nutricionáis baséanse en cuestionarios de frecuencia alimentaria para determinar os alimentos que compoñen a inxesta, o que pode non reflectir con exactitude o que se consume nun certo período.

O estudo dirixido polo Dr. Tan rexistrou o nivel de ácidos graxos omega-3 no interior dos glóbulos vermellos dos pacientes durante máis de tres meses. Aqueles que tiñan o nivel máis baixo de ácidos graxos omega-3 en sangue mostraron un menor volume cerebral. Estes pacientes obtiveron asemade calificacións máis baixas en varias probas de axilidade mental tales como a resolución de problemas, tests de memoria, a participación en tareas múltiples e o pensamento abstracto.