Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

28-04-14 |

Cataclismo Pescanova

Pescanova ten sido un gran referente na industria pesqueira por moitos anos,  tendo a visión de identificar a acuicultura como unha área para medrar nun entorno de mercado san, logo do estancamento das pesquerías. Disfrutóu de todo o preciso para acadar o liderazgo mundial na nosa área de actividade, incluíndo músculo financeiro, permisos e licenzas , apoios políticos e administrativos, capacidade de procesamento, de adición de valor, e marca de gran prestixio. Mesmo polo volume de recursos públicos e privados, rexionais, nacionais, europeos e internacionais que se evaporan co cataclismo Pescanova, todos nós perdemos coa crise desta gran empresa.

Hai moi bos profesionais a traballar nesta firma, con ampla experiencia e un historial de lealdade para coa multinacional, cuxo futuro depende en gran parte dos remedios que se leven a cabo nestes meses. O que nin houbo, nin hai actualmente - e isto resulta máis preocupante-, é unha estratexia firme para o futuro, deseñada sobre consideracións técnicas , en particular no que respecta á súa actividade no eido da acuicultura.

Isto é importante porque o cataclismo Pescanova afecta tamén a percepción xeral da rendibilidade das explotacións acuícolas. Todo o mundo comete erros, e o fracaso dun proxecto ten sido un problema frecuente na nosa área de actividade, na que persisten incógnitas de natureza técnica, que só poden ser resoltas con base no coñecemento mais avanzado, na excelencia profesional e na colaboración leal e transparente. A inorancia destas premisas en beneficio da incompetencia, o amiguismo, o ocultismo e a arrogancia na xestión empresarial, resultan nun cóctel explosivo coas consecuencias que sufrimos hoxe. No canto de aprender e construír sobre os seus erros, o liderado da empresa, en contubernio cos seus apoios político-financeiros, escolléu sempre ocultar os grandes fracasos dos seus plans de cultivo, como a engorda en gaiolas na ría de Aldán, a produción de salmón en Chile, ou o cultivo de rodaballo en Mira (Portugal).

Probablemente, aínda non se puderon establecer responsabilidades finais neste caso -non precisamente a especialidade local-, malia que resulta sorprendente escoitar manifestacións de apoio incondicional na boca dalgunhas autoridades, con responsabilidades e actuacións cando menos cuestionábeis, á vista dos resultados. É aínda máis incomprensible que a día de hoxe, co volume de intereses en xogo, non foran discutidas as grandes directrices técnicas que deberían facilitar a recuperación da súa viabilidade. Qué especies se van producir, baixo qué sistemas de produción, con qué obxectivos de produción, cómo se van optimizar os custos operativos do cultivo, cómo se van resolver as limitacións operativas, qué sinerxías poden atoparse, semellan cuestións básicas que deberían ter sido consideradas por calqueira plan de negocio, a estas alturas. Polo ben de todos, e especialmente por mor da industria, esperamos que o rumbo se corrixa rápidamente, traballándose con rigor en enfoques técnicas rigorosas que guíen o desenvolvemento futuro desta gran marca galega.