Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

24-08-15 |

A Semente do Demo

Abanqueiro, Camariñas, Carril, Noia, Punta Quilma, O Vicedo...nos últimos anos foron financiados pública e xenerosamente moitos criadoiros para a produción de semente de bivalvos en Galicia que agora están pechados e sen actividade, no mellor dos casos, ou esnaquizados, moitos deles. A consecuencia final ten sido a falla de semente producida en Galicia, o que coincide con baixos niveis de produtividade natural en praias e parques, e episodios de mortalidades masivas, inexplicadas e recorrentes de ameixas, berberechos, ostras e outros moluscos de importancia comercial. A dependencia case total de semente traída dende terceiros países, non só nos deixa nunha posición vulnerable económica e biolóxicamente, favorecendo a introdución de bacterias, virus e parásitos no ecosistema local. Representa tamén o fracaso da estratexia rexional para o autoabastecemento de semilla de marisco, base primaria e motor dunha actividade económica que ocupa ducias de barcos e milleiros de homes e mulleres nun entorno laboral xa dabondo comprometido.

Aínda que neste eido as culpas veñen xeralmente repartidas, a mala xestión, pouca cultura empresarial, a incapacidade de resolver problemas técnicos complexos, a falla de ligazón académica e institucional coa economía real e a carencia de  programas de apoio e seguimento para garantir o éxito destas iniciativas, poden mencionarse como causas fundamentais. Nembargantes semella difícil xustificar, na actualidade, o dispendio de preciosos recursos públicos en subvencións para a compra de semente importada, cando as infraestruturas para producila localmente están botándose a perder nas nosas costas.

Tendo en conta as novas tecnoloxías para o tratamento da auga que foron desenvolvidas específicamente para esta aplicación, e os protocolos revisados de cultivo larvario e pre-engorda que tan exitosos resultados acadan en outros países, unha estratexia razoable pasa pola recuperación destas instalacións de produción de semente, produto cunha forte demanda neste momento, debido ao repunte do consumo interno. Xa non se trata só da recuperación de instalacións esenciais para a dinamización do sector primario, que foron financiadas polos contribuíntes baixo licenzas especiais en áreas naturais protexidas. Trátase tamén de facilitar a transición dende unha mentalidade extractiva cara a outra productiva, reducindo a dependencia por axudas estatais, aproveitando un momento positivo dos mercados para o aproveitamento de ferramentas xa dispoñibles na xeración da riqueza e dos empregos que tanto necesitamos para consolidar a nosa recuperación.