Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

21-01-16 |

Acuicultura en Galicia, mil oportunidades desaproveitadas

Calidade e cantidade de auga doce e salgada, quilómetros de costa e abrigo, infraestrutura moderna, capacidade de agregar valor, boa percepción dos produtos locais, axudas europeas, man de obra cualificada, saber facer, mercados con forte demanda...son tantas as vantaxes competitivas para o desenvolvemento da acuicultura en Galicia, que semella incrible que a situación sexa tan nefasta como realmente é. Agora que o debate reaparece nos medios, con motivo dun novo marco lexislativo -o vixésimoterceiro- supostamente deseñado para a potenciación do sector, e logo de anos sen novos proxectos, con moitas instalacións pechadas, empresas en fenda ou en serias dificultades económicas, paga a pena reflectir sobre as causas deste tremendo fracaso colectivo.

A escravitude é filla da escuridade, e un pobo indouto é o instrumento cego da súa propia destrución. Escoitamos de novo os argumentos risíbeis e ruborizantes esgrimidos polos opositores da nova lexislación, en particular as supostas razóns ambientais tales como o uso de piensos ou antibióticos. Se o primeiro interesado na calidade da auga é o acuicultor, qué dicir sobre o estado actual das nosas rías, sometidas ao abuso de operadores industriais, institucionais, agrícolas e gandeiros baixo a inacción dunha administración inútil. Ogallá tivéramos eiquí a calidade ambiental do país con maior número de gaiolas de salmón do mundo, Noruega. Ou nos beneficiáramos dos cultivos multitróficos, como no Canadá, en vez de padecer as graves consecuencias do monocultivo do mexillón, que fica sen resolver ningunha das limitacións que lle impiden desenvolverse como a industria de grande pulo que debería ser.

Claro que a irresponsabilidade derivada da inorancia ou de intereses espurios non pode ser comparada coa duns medios de comunicación incapaces de interpretar o drama da nosa presente situación económica, social e laboral. E moito menos aínda coa dunha clase política esgotada, sen ideas, proxectos nin capacidade, vítima do seu propio clientelismo. Só a ausencia de experiencia empresarial algunha pode explicar a tolería de pretender o desenvolvemento dun sector industrial exclusivamente dende a regulación lexislativa. E aínda por riba cunha lei escura, complicadísima, irracional. Levamos décadas na procura do marco lexislativo ideal que asegure o desenvolvemento da actividade, para recibir agora a labazada dun novo fiasco difícil de resolver, dado o grao insoportable de politización das decisións técnicas no noso país. Semella que algúns prefiren emigrar para traballar en multinacionais, no canto de permitirlles que veñan a investir e traballar eiquí.

Cando todo se perda, cando se esgoten a ameixa e a centola e o percebe como se esgotóu a nosa pesca, cando o mexillón non medre e importemos o 90% do marisco e o peixe que xantamos, cando a toxina e o petróleo e o permisiño finalmente rematen connosco, teremos de explicar aos nosos fillos, camiño do aeroporto, que tivemos mil oportunidades para eles prosperar e medraren eiquí, e non fomos quen de as aproveitar.