Acuinuga. Acuicultura y Nutrición de Galicia

Novidades

08-04-16 |

España aínda é diferente

No Marzal de 2016 o Tribunal Supremo sorprendeunos cunha decisión estrafalaria pola que se revoga a exclusión do catálogo español de especies exóticas invasoras de varios animais de gran relevancia, incluíndo a troita arcoiris (Oncorhynchus mykiss). Estas especies tiñan sido excluídas deste catálogo en 2013 polo goberno español, en base a súa importancia económica, alimentaria ou da súa utilización recreativa. Agora o Tribunal pronúnciase sobre un recurso interposto por varias asociacións ecoloxistas, cancelando esta exclusión, o que conleva a "prohibición xeral da posesión, o transporte, o tráfico e comercio destes animais vivos ou mortos, os seus restos ou propágulos, incluíndo o comercio exterior ".

Cando unha decisión que atinxe a unha especie de tal importancia, que leva connosco máis de cen anos, que está presente en case tódolos estados europeos, para a que existen múltiples usos e intereses, dedicándolle enormes recursos financeiros tanto públicos coma privados, é tomada en base a un informe pericial dun profesor de zooloxía da universidade española, fanse evidentes todas as contradicións, o isolacionismo, a arbitrariedade e o barullo competencial que atrapallan ó sistema xurídico español e, por ende, ao marco lexislativo da Unión Europea.

Nun país cun 20% de paro e un desemprego xuvenil do 50%, semellaría lóxico esperar algunha sensibilidade na ordenación dun sector de produción que emprega a milleiros de persoas en centos de empresas familiares, obtendo un produto saudable de consumo xeral cunha relación calidade-prezo que lle permite entrar na cesta dos consumidores máis modestos, mesmo nos menús escolares. Infelizmente isto non mereceu a mais mínima consideración por parte dos doutos poñentes, só preocupados polas "ameazas graves para especies nativas, hábitats ou ecosistemas, para a agronomía ou os recursos económicos asociados co uso do patrimonio natural". Tampouco se teñen en conta as ferramentas xenéticas para o control reprodutivo dispoñíbeis para esta especie, que se comprobaron tan eficaces ata o punto de evitar a formación de poboacións estábeis de troita arcoiris nos nosos ríos, a pesares do moito tempo transcorrido dende a súa introdución.

Nesta altura, se cadra fora ben que o Tribunal Supremo español decidira tamén sobre a inclusión do Homo sapiens no devandito catálogo, cuestión central destas discusións nas que os dereitos dos animais priman sobre os dos seres humanos, entre os que se encontra, sen dúbida, o dereito á alimentarse. Con todo, do estatalismo europeo, concentrado na superprodución de normativas e regulamentos que acadan precedencia sobre as necesidades da xente, sorprende cómo individuos supostamente intelixentes solicitan obediencia a unhas leis que din unha cousa o luns para dicir o martes precisamente todo o contrario. Aqueles que non gozamos do privilexio de alimentarmos a partires dos orzamentos xerais do estado, só podemos traballar, pagarmos as nosas taxas e apelar estas sentenzas absurdas, das que resulta que España, mal que nos pese, aínda segue a ser diferente.