Acuinuga experimenta con microdietas para larvas de peixes, moluscos e crustáceos elaboradas a partir de materias primas de orixe local.
Estas dietas pretenden diminuír a necesidade de fitoplancto e zooplancto, dietas vivas de elevado prezo e complexidade no seu manexo. A substitución de dietas vivas permite a produción de semente ao longo de todo o ano, independentemente da cantidade de alimento natural dispoñible, ademais de corrixir a heteroxeneidade no tamaño e composición das partículas que diminúen os custos de produción.
As novas microdietas permiten unha alimentación axustada ás necesidades de cada especie e fase de desenvolvemento do cultivo.
Consideramos varios factores na produción de microdietas:
- A formulación da dieta, posto que cada especie presenta diferentes requirimentos nutricionais, que varían tamén dependendo do estado de desenvolvemento do animal.
- A flotabilidade do alimento debe permitir que este se distribúa uniformemente en columna de auga e se manteña dispoñible para os animais, que en estado larvario teñen un rango de desprazamento moi limitado. A flotabilidade variará, así mesmo, en dependencia da salinidade.
- O tamaño da comida debe ter en conta o tamaño da boca de cada animal, pois un tamaño excesivo das partículas fai imposible a súa inxesta e un tamaño moi reducido obriga ao animal a investir demasiada enerxía na captura e inxesta de múltiples partículas, afectando ao seu crecemento. O noso innovador proceso de produción permite a produción de alimentos con rango de partículas entre 3 e 500 micras de diámetro, mantendo a máxima heteroxeneidade.
- A calidade da auga é un factor clave para o correcto desenvolvemento larvario do cultivo. Para iso incorporamos en fórmula ingredientes que manteñen a integridade da partícula na auga e son favorecedores da súa calidade, como correctores de pH e substancias nitrificantes que reducen a produción de amonio.
Os datos das probas realizadas ata o momento revelan un éxito na substitución do alimento vivo de ata un 80%, e dunha redución de custos de produción de ata o 60%, segundo especies, fases de desenvolvemento e sistema de produción.