O cultivo do mexillón consolidouse como a primeira industria da acuicultura española, resultante da comercialización do produto en tres formatos diferentes: fresco, en conserva e conxelado/precociñado. Trátase dun produto moi popular e apreciado polo consumidor, posúe un alto valor nutritivo e unha grande versatilidade culinaria. É ademais percibido como un produto cunha boa garantía sanitaria e unha relación calidade-prezo moi favorable.
Desde o punto de vista produtivo, a produción de mexillón en mar aberto supón un grande reto técnico, ao se tratar de condicións moi diferentes ás que se dan nas rías galegas, e para as que a industria se foi especializando e adaptando ao longo dos anos.
A ausencia de abrigo con preponderancia de ventos que dificultan -cando non impiden- o traballo en mar aberto, sumado á necesidade de desprazamentos máis longos e, por tanto, máis custosos, así como ao incremento nos custos de mantemento das unidades de produción, fan necesario o deseño de novas rutinas de manexo que favorezan a viabilidade económica da actividade.
Abordamos, por iso, este proxecto non como unha mera transposición da tecnoloxía de cultivo tradicional, senón introducindo cambios que implican a modernización produtiva deste cultivo e a adaptación de novos desenvolvementos industriais xa consolidados na produción doutras especies acuáticas.
As principais melloras inclúen:
- A produción de semente en hatchery ou criadeiro a partir de reprodutores locais.
- A minimización das actividades de manexo que permite a redución de custos e favorece a continuidade do ciclo produtivo.
- A utilización de estruturas innovadoras e adaptadas ás situcaións seleccionadas para o engorde ata a talla comercial.